16 ago 2010

Operadores Móbiles Virtuais

Simyo, Masmovil, Pepephone... son só algúns exemplos de Operadores Móbiles Virtuais (OMVs), que están a revolucionar o mercado da telefonía móbil, sobre todo no que ten a ver con prezos low cost.

Trátase de compañías de telefonía móbil sen espectro radioeléctrico, é dicir, non teñen antenas, polo que alugan este a outro tipo de operadores móbiles, os chamados Operadores Móbiles con Rede (OMR). No caso español, temos 4 OMRs: Vodafone, Movistar, Orange e Yoigo, se ben é certo que os únicos que dan cobertura ás OMV son os 3 primeiros, debido ao tardío depregamento da rede por parte de Yoigo, que índa mantén acordos co resto de OMRs para chegar aló onde non ten despregada a rede.

Tipos de OMV

En termos xenéricos, téñense dous tipos de OMVs: OMVs revendedores ou OMVs completos

Os primeiros carecen de calquera elemento de rede, limitándose a facer tarxetas SIM para poñer no mercado. Non dispoñen de numeración propia (é o OMR quen lles cede unha serie de números). Xeralmente, o seu negocio vén dado polo modelo da "venda ao por maior". É dicir, o OMV merca unha cantidade importante de minutos e mensaxes, polo que o prezo que paga ao OMR é significativamente menor. Iso permítelle revendelos tamén a menor prezo; de aí que estas compañías baseen a súa oferta en prezos por minuto inferior e non adoiten dispoñer de módulos de aforro.

Mais se cadra, os máis destacados son os OMVs completos. Este tipo de operadores dispoñen de toda a infraestrutura que precisa un operador agás o elemento final: a rede. É dicir, posúen os seus propios rexistros de localización HLR e centro de conmutación de telefonía móbil (ou MSC), o que lle permite unha flexibilidade total, posto que pode mudar de OMR cando queiran (e mesmo usar varios a un tempo) e facer coa rede o que queiran, dentro das posibilidades tecnolóxicas. Ademais dispoñen de numeración propia.

Dicía que esta subdivisión é de forma xenérica, posto que algúns autores prefiren diferenciar os OMV polo potencial mercado ao que van dirixidos:

- Orientados a empresas
- Orientados a prezos baixos: o seu obxetivo é ofrecer o menor prezo por minuto ou mensaxe.
- Orientados a grupos de interese. Buscan o seu mercado en grupos de interese específicos (clubes de automobilismo, étc).
- Orientados a étnias: semellantes ao anterior, pero relacionados con comunidades inmigrantes. Ofrecen prezos baixos para chamar a determinados países. (Fin dos locutorios?)
- Gratuítos ou case gratuítos. Baséanse na publicidade ao usuario. Inda está por desenvolverse en España
- Baseados no fenómeno de converxencia. Proporcinan telefonía móbil e todas aquelas tecnoloxías inarámbicas no camiño de facer converxer fixo e móbil.

Aspiracións dos OMV

Hai quen non se conforma con ser OMV. Así, os OMV vencellados ás comercializadoras de cable (R en Galiza, Telecable en Asturias, Euskaltel en Euskadi e Ono no resto do Estado), veñen de asinar un convenio de colaboración para unirse formando o quinto operador móbil do Estado con rede propia. Esta unión estratéxica é unha nova moi importante para a evolución da telefonía móbil, xa que a asignación de espectro radioléctrico a esta cooperativa permitiríalles investir en rede propia naqueles territorios onde dan servizo.

Como exemplo práctico, a implantación do 4G. Cando o Goberno teña a ben licitar (que xa vai sendo hora, dito sexa de paso) as licenzas do 4G, non cabe dúbida de que as operadoras grandes recibirán parte do pastel. Poñamos por caso, Vodafone. E como vai implantar a nova rede Vodafone? Pois comezando por aqueles núcleos con maior índice poboacional, onde comezará a gañar cartos antes; léase Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla... Que vantaxe ten que se lle asigne espectro á unión das cableras? Pois que ao tempo que Vodafone (Movistar, Orange...) comezan a implantar nas grandes cidades do Estado, R comezará a investir en 4G nas cidades galegas, Telecable nas asturianas... etc.

Crónica dunha morte anunciada

Coa posta en marcha da Orde Ministerial CTE/601/2002, foron moitas as empresas que emprenderon a fazaña de convertirse en OMVs, o que deu lugar a un amplísimo catálogo de operadores. Empresas que nada tiñan que ver coa telefonía móbil, como os supermercados Carrefour, Día ou Eroski; o banco Bankinter, o club de automobilismo RACC ou a compañía aérea Vueling.

Mais, hai mercado para todos? Demostrouse que non. Así, Vueling móbil convertiuse no primeiro OMV en desaparecer. Hai quen aposta cal será o seguinte en caer. Se 2 (ou 3, ou 4..) operadores ofrecen o mesmo (mesmo prezo, mesma cobertura), ten sentido que existan?

No hay comentarios:

Publicar un comentario