7 jun 2012

Fouling

Fouling na hélice dun barco
Fouling na hélice dun barco
Esta palabra inglesa que poderíamos traducir como ensuciado ou obstruído, úsase para designar as comunidade de seres vivos que crecen apegadas as infraestruturas humanas que están en contacto coa auga do mar, como os cascos dos barcos, tubarias, boias, etc. Tamén se usa biofouling.
Pode parecer unha cousa pouco importante pero ten unha grande importancia, sobre todo en augas “tan fértiles” coma as galegas. O crecemento do fouling provoca ganancia de peso (podendo chegar a afundir o obxecto) e deterioro do material do que está feito. Ademais nos obxectos con propulsión propia como os barcos, o fouling reduce a maniobrabilidade e a velocidade, co conseguinte aumento no consumo de combustible e perda de seguridade.
Para evitar o crecemento do fouling úsanse produtos químicos biocidas, son os coñecidos coloquialmente como “patente”. Dende os anos 70 comezouse a usar un tipo de pinturas antifouling moi efectivas cuns compostos denominados TBT ou compostos tributílicos. Estes compostos evitan a fixación das larvas, e polo tanto o crecemento do fouling, aínda que como se demostrou máis tarde, non só no barco no que é aplicado senón que ao diluirse na auga, evitan que as larvas se fixen tamén ás rochas. Ademais provoca imposex ou “sexo imposto” nos moluscos, ou sexa que a as femias desenrolen tanto o aparato sexual feminino como o masculino coa particularidade de que co tempo o aparato feminino se atrófia e os animais convértense en estériles. Dende principios dos 90 está prohibido utilizar estas pinturas en toda a unión europea e dende o 2003 está prohibida a súa utilización en todo o mundo, pero seguen a notarse hoxe os efectos destes compostos.
As comunidade típica do fouling nas nosas costas están formadas principalmente por Mytilus galloprivincialis (mexillón) e Balanus perforatus (arneirón). Aínda que estas son as especies chave, estas comunidades teñen outras asociadas como amphipodos caprélidos, anélidos poliquetos das familias Sigalionidae, Aphroditidae e Pholoidae, moluscos gasterópodos como Ocenebra erinácea, ou Nucella lapillus, moluscos nudibranquios como Facellina coronata, ascidias como Ciona intestinalis, etc
Obviamente a comunidade do fouling terá un número maior de especies canto máis tempo permaneza somerxido o obxecto. Estas comunidades teñen maior número de individuos e un crecemento máis rápido nas épocas primaverais, como acontece de xeito xeral en todos os hábitats das zonas temperadas.

6 abr 2012

LDK 205: O "Bill shock"


Bill shock é un termo inglés empregado no campo das telecomunicacións para referirse á situación que se dá cando un usuario recibe cargos inesperados na súa facturación de teléfono móbil.

O caso máis habitual de bill shock dáse co roaming, xa sabedes, ao usar o móbil no extranxeiro. Estamos tan habituados a empregar os nosos teléfonos ou smartphones que é posíbel que "nos despistemos" e fagamos un uso habitual sen ter en conta que non estamos a empregar a rede móbil coa que temos contratado o servizo e que os custes serán moito maiores.

En Galiza, cando nos movemos pola fronteira con Portugal (aínda que en territorio galego, na raia), é frecuente que o noso móbil colla unha rede dun operador portugués. Se temos activado servizo de roaming e non nos damos conta podemos recibir un bill shock "interesante", sobre todo no que ten a ver co tráfico de datos (malia que o máximo que nos poden cobrar, por normativa europea, son 50 €).

Cómpre sinalar que na meirande parte dos casos os bill shocks están causados por erros humanos. É dicir, os sistemas de facturación adoitan funcionar correctamente e son os usuarios os que pecan de descoñecemento (de que tarifa teñen contratada, que inclúe, étc).

3 abr 2012

Hoxe cúmprense 38 anos da primeira chamada desde un móbil


"A que non sabes desde onde estou chamando?"


Esa foi a primeira frase pronunciada desde un teléfono móbil, o 3 de abril de 1973. O autor da mesma foi Martin Cooper, un directivo de Motorla que desde a Sexta Avenida de New York chamaba a Joel Engel, de Bell Labs, considerada a competencia máis directa.

Aquel primeiro móbil nada tiña que ver cos terminais que vemos hoxe en día: pesaba máis dun quilo e tiña unha autonomía de media hora despois de cargarse durante 10 horas. Para que logo nos queixemos dos smartphones...

1 abr 2012

LDK 204: O primeiro de abril

O primeiro de abril é o día máis extendido internacionalmente para a celebración de bromas e mentiras, sendo tamén o día onde estas se celebraban tradicionalmente no ámbito galego, ao contrario que nos países hispanófonos onde esta data é o 28 de decembro, o Día dos Santos Inocentes.

O 1 de Abril, April Fools' Day, Poisson d'Avril, Día das Mentiras ou Día dos Enganos é celebrado nos países anglófonos, así como en Francia, Italia, Alemaña, Bélxica, Portugal, Brasil ou México.

Aínda que a súa orixe non está clara, moitos relaciónana coas supostas bromas sufridas polos franceses que se negaron a adoptar o calendario gregoriano e seguiron celebrando o aninovo a finais de marzo, sendo obxecto de ridiculizacións que estarían na orixe deste fenómeno.

Porén, o que si está claro é que a súa vixencia segue estando moi presente. Así que xa sabedes, coidado, porque...
O primeiro de abril vai o burro onde non ten que ir

21 mar 2012

Introducíndonos na m-Health

Modernizar os tratamentos, reducir os custes do sistema sanitario e previr a aparición de enfermidades. Son 3 retos da m-Health, a medicina móbil, o futuro cada vez máis presente do mundo sanitario.

Eduardo Punset no seu programa Redes 2.0 entrevistou a Eric Topol, cardiólogo e investigado en xenómica.